Actualidade
O GOBERNO LOCAL BAIXARASE O SOLDO
O GOBERNO LOCAL BAIXARASE O SOLDO VOLUNTARIAMENTE E COMO MEDIDA DE SOLIDARIEDADE
- Orozco acusa ó voceiro do grupo Popular de suplir con insidias a súa pouca adicación ó Concello
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, explicou esta mañá que o Goberno local vaise baixar o soldo voluntariamente porque é o pleno do Concello quen aproba os soldos da corporación e lembrou que é o Alcalde dunha grande cidade galega que menos cobra “e síntome satisfeito porque non estou en política para facerme rico, senon porque me gusta este traballo e a maior grandeza é que os cidadáns elixíronme para tres mandatos consecutivos”.
Para López Orozco o “despilfarro escríbese con dúas pes, as do Partido Popular e senon fíxense no que fixeron cos coches da Xunta”.
“Non vai ser o portavoz do Partido Popular quen me ensine ética nin estética”, declarou o Alcalde. López Orozco explicou que “os gastos dos órganos de goberno do Concello representan só o 0,9% dos Orzamentos do Concello de Lugo”.
“Se o señor portavoz do PP traballara o mínimo por este Concello sabería que nos orzamentos do ano pasado, que por certo non aprobou o Partido Popular, o aforro no gasto corrente foi dun millón e medio de euros”. Tamén destacou que “neste Concello, posiblemente o máis transparente de España, a oposición está representada nas Xuntas de Compras e de Contratación, ás que do equipo de Goberno só acuden os que teñen dedicación exclusiva”. Con esta medida afórrase no pago de dietas “que sí cobran os representantes doutro partido” ó enviar xente sen dedicación exclusiva, aínda que no PP tamén hai concelleiros que cobran dedicación completa.
López Orozco acusou ó voceiro do PP no Concello e aspirante á Alcaldía, Jaime Castiñeira, de basear a súa política “na descalificación continua do Alcalde, coa esperanza de conquerir réditos políticos”.
O Alcalde, que estivo acompañado na rolda de prensa polos tenentes de Alcalde Sonia Méndez e José Rábade, declarou que “é necesario denunciar esta antipolítica que practica dun tempo a esta parte o portavoz do PP no Concello de Lugo e que seguro que aumentará nos próximos meses”.
López Orozco cualificou a Castiñeira de “portavoz só unhas horas á semana porque anda moi ocupado -dixo- no Parlamento galego”, e destacou que “a de portavoz no Concello é a súa segunda actividade porque parece que xa deixou os outros traballos que tiña”.
“Só dende esa choiva fina de acusacións sobre supostos despilfarros e paparotas e só desde esas maldades políticas se pode ser tan ignorante e dicir que o equipo de Goberno se viu obrigado a tomar a decisión de baixarse os soldos” replicoulle o Alcalde ó voceiro do PP no Concello.
“Nin nos vimos obrigados a conxelar os soldos hai dous anos nin agora a rebaixalos, facémolo -dixo López Orozco- porque queremos ser solidarios cos funcionarios desta casa” e engadiu que “vai ser unha decisión libre deste pleno, unha proposta que fará este alcalde e que convida a aplicar tamén ós grupos da oposición”.
Tocante á política de persoal, o Alcalde indicou que o Concello ten unha política de persoal “da que me sinto orgulloso porque 150 persoas máis teñen hoxe un traballo estable grazas ás oposicións libres e transparentes convocadas polo Concello”. “Iso é traballar por un emprego de calidade”, remachou o Alcalde.
Manifestou tamén López Orozco que no Concello “temos unha situación económica moi boa, a pesar das dificultades” o que nos permitiu conxelar os soldos dos cargos públicos non subir os impostos, e manter o gasto social e os investimentos neste caso grazas ó Plan E.