Actualidade
O Alcalde de Lugo e o Presidente da Deputación presentaron hoxe a programación que se engloba baixo a marca Lugo10
López Orozco destaca que “a cidade tenderá unha ponte histórica co mundo a través da marca ‘Lugo10’ que conmemora os 10 anos da Muralla como Patrimonio Mundial
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron hoxe en rolda de prensa o programa Lugo10 destacando que a cidade tenderá unha ponte histórica co mundo a través desta marca que conmemora os 10 anos da Muralla como Patrimonio Mundial. Así, o Concello de Lugo presenta a marca Lugo10 baixo a cal se engloba a programación de actos e eventos que pretenden conmemorar os 10 anos da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.
Trátase dun dos fitos que, sen dúbida, marcaron un dos momentos máis importantes da historia de Lugo: a concesión por parte da UNESCO do título de Patrimonio Mundial da Muralla de Lugo.
O ano pasado, coa concesión da mesma distinción á Torre de Hércules, a cidade de Lugo pasaba a formar parte, xunto coa Coruña e Santiago, das tres cidades que ostentan concesións da UNESCO conformando o Triángulo Máxico do Patrimonio Mundial Galego.
López Orozco destacou que o galardón axudou a que todos os lucenses reclamasen os dereitos que a Lugo lle corresponden como unha das grandes cidades de Galicia. “Aumentou a autoestima da cidade e conseguimos que Lugo fose coñecida máis aló das nosas fronteiras, un logro que agora esperamos consolidar facendo que este Lugo10 eleve a cidade ao cumio do coñecemento e o recoñecemento mundial”, expuxo.
Entre os obxectivos, López Orozco destacou que están moi claros e que pasan por: reactivar a economía, impulsar o turismo, apostar polos proxectos lucenses e pola promoción exterior da Muralla. “Que en todos os actos que faga o Concello se prime a filosofía do Lugo10 e implicar o conxunto da cidadanía que levará o nome da cidade e da Muralla ao mundo enteiro. Temos que ser entre todos difusores da nosa riqueza”, remarcou.
“Hai 10 anos tivo un papel fundamental a cidadanía, un papel que queremos que recupere para, dun lado seguir dando valor ao noso patrimonio máis valioso e, doutro, conseguir de novo que a nosa Muralla sexa o noso altofalante no mundo enteiro”, sinalou.
Baixo a marca Lugo10 englobarase todo un programa de actos e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano e que estarán dirixidos á cidadanía en xeral e a potenciar a autoestima da cidade e facer que esta sexa contaxiada a todos os que nos visiten e nos coñezan.
Lugo10 recolle ademais as potencialidades do noso pasado romano, a nosa Muralla e o Camiño de Santiago que pasa por Lugo nun ano no que, ademais é Ano Santo. Esas potencialidades serán levadas a todas as esferas da sociedade: aos barrios, aos colexios, á rúa, ao centro, ao rural... Será unha programación que implique ao maior número posible de persoas: aos nenos, aos maiores, ás empresas, ás institucións, aos políticos....
Na súa intervención, López Orozco fixo un chamamento á toda a cidadanía para facer que a Muralla e a cidade, o Lugo10, “sexa de todos, máis aló das nosas fronteiras”. Así mesmo, explicou a importancia da imaxinación e a creatividade para levar adiante o proxecto, en anos de especiais dificultades económicas.
Difusión da marca Lugo10
Para que o proxecto trascenda o carácter local está previsto ademais abrir este ano Lugo10 ao mundo, a todos aqueles que xa nos coñezan e aos que aínda non saben de nós. Así, entre as accións a desenvolver está a posta en marcha desde hoxe mesmo da web www.lugo10.es que estará aloxada na web www.lugo.es pero á que poderá accederse de xeito independente desde calquera conexión do mundo.
Tratase dun site no que atopar a programación en relación con Lugo10, a información sobre Lugo e a Muralla e todos e cada un dos actos que recolla todo un ano de dedicación ao noso monumento máis importante.
Preténdese que sexa unha web aberta aos internaturas, na que poidan participar coas súas achegas, enviar as súas fotografías, converténdose nunha verdadeira rede social sobre a cidade.
Á web súmase o correo electrónico lugo10@concellodelugo.org para que se envíen todas as suxestións sobre o proxecto. Lugo10 terá presenza ademais en todas as redes sociais como twenti, twitter ou facebook.